Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Concello do Grove inicia as obras de transformación integral da Praza do Corgo

Fecha: 2026-05-07

O Concello do Grove iniciou os traballos previos para a execución da obra de transformación integral da Praza do Corgo, unha actuación que permitirá renovar un dos espazos públicos máis representativos da vila e convertelo nun lugar máis accesible, sostible, verde e pensado para o encontro da veciñanza.

Durante estes primeiros días estanse retirando bancos, xardineiras e outros elementos existentes para preparar o inicio da intervención. A partir do vindeiro luns procederase ao valado completo do ámbito da obra, polo que non se poderá acceder ao recinto durante as semanas nas que se desenvolvan os traballos. Manterase, non obstante, un acceso ao parque infantil para que poida seguir sendo utilizado, así como un paso lateral para facilitar a mobilidade na contorna.

A actuación abrangue a remodelación da explanada da Praza do Corgo, actualmente cun pavimento deteriorado e con diferentes zonas que presentan irregularidades, desniveis e barreiras que dificultan o tránsito peonil. O proxecto técnico sinala precisamente a necesidade dunha intervención integral para mellorar a calidade urbana deste espazo, a súa accesibilidade, o confort climático e a súa capacidade como lugar de convivencia.

A nova Praza do Corgo contará cunha importante mellora das zonas verdes, novos sendeiros interiores, mobiliario urbano para o descanso e unha pérgola vexetal en forma de bóveda, dotada de iluminación, que permitirá crear unha zona de sombra e estancia. Tamén se acondicionará a contorna da árbore situada fronte á Casa Consistorial cun banco circular, xerando un novo espazo de encontro e descanso.

O proxecto inclúe ademais a preparación dunha zona para a futura instalación dun espazo de xogos de auga, con chorros a nivel do chan, así como a renovación de pavimentos, a mellora da iluminación, a reorganización das beirarrúas no perímetro do skatepark e a creación de novos espazos de uso peonil. Segundo o proxecto, a actuación busca transformar a praza nun refuxio climático urbano, nun espazo accesible e inclusivo e nunha praza polivalente capaz de acoller eventos e usos cotiáns.

A obra está financiada a través do Plan de Sostibilidade Turística en Destino “O Grove_A Gastromeca”, cun orzamento total de licitación de 637.511,15 euros, IVE incluído. O prazo de execución previsto é de 40 días naturais, condicionado á dispoñibilidade de materiais e ás condicións meteorolóxicas.

Durante a execución dos traballos será necesario realizar cambios provisionais na mobilidade e no uso do espazo. O mercadiño dos venres, que habitualmente se sitúa nesta zona, será reubicado temporalmente na rúa situada fronte á lonxa. Ademais, unha vez rematada a actuación, o carril situado fronte ao Concello, entre as dúas zonas verdes, pasará a ser completamente peonil, evitando o paso de vehículos por ese punto e reforzando o carácter da praza como espazo libre de tráfico, de ocio e de desfrute para todas as idades.

O Concello agradece a comprensión da veciñanza polas molestias que poidan producirse durante estas semanas e lembra que esta intervención suporá unha transformación importante da Praza do Corgo, mellorando a súa imaxe, a súa funcionalidade e o seu uso como espazo central da vida social, cultural e cidadá do Grove.