
Axilizar a tramitación de documentos da cidadanía ante a Administración local é un dos máis claros obxectivos que se perseguen coa introdución das páxinas web municipais. Con esta motivación de fondo nace www.concellodogrove.com, agardando que todos os veciños e veciñas poidan mellorar as súas comunicacións co Concello.
Varios eran os puntos perseguidos polo Plan Avanza para poñer en marcha entre 2006 e 2010, entre eles, facer factible a administración electrónica para mellorar os servizos prestados polas administracións públicas. Nese camiño estamos.
O Grove, sabémolo todos, é un dos municipios da provincia con maior participación social, polo que estou seguro de que esta nova vía de comunicación, que agora se abre para a veciñanza, será aceptada de bo grao.
Desde logo, non pararán aquí os nosos esforzos, e no meu ánimo está dotar cada vez de máis contido e eficacia a páxina que agora teñen ante vostedes. Deste xeito, pouco a pouco, iremos contando con maior número de comodidades á hora de interactuar coa Administración local, e tamén, por medio dela, coa autonómica e a estatal.
Non podo esquecerme do importante número de visitantes que durante o ano veñen ata O Grove e para eles está tamén pensada esta páxina, ademais da específica www.turismogrove.com, chea de contidos enfocados directamente a todas aquelas persoas que nos visitaron ou que pensan facelo.
Agardo, de verdade, que este novo vínculo lles ofreza a todos os meus veciños e veciñas unha comodidade da que seguro farán bo uso.
Correo electrónico: alcaldia@concellodogrove.com
D. José A. Cacabelos Rico
Alcalde do Grove