galego | español
texto grande
buscar

Noticias

martes, 24 de novembro de 2020
"O CONCELLO CONTINÚA DEMANDANDO UN GES PARA O GROVE"

 

A Xunta segue aplicando a mesma solución parcial, con algo máis de orzamento, pero sen darlles solución ás necesidades reais do Grove.

 

A Xunta de Galicia volveu este ano a reeditar o convenio xa existente dende hai máis de oito anos no cal se cubrían seis meses de Servizo de Emerxencias, mentres que os seis restantes dependían do servizo de voluntariado. A continuidade dese período de seis meses de contratación provocou, no seu momento, a demanda colectiva dos traballadores deste servizo, que implicou que tivese que realizarse a súa contratación fixa dada a concatenación de contratos. A día de hoxe O Grove é un dos poucos concellos das súas características que conta cun servizo de emerxencias profesional estable con 13 persoas (peóns e capataces) e, non obstante, atópase entre dos que menos axudas recibe para este fin por parte do Goberno autonómico.

 

A proposta posta sobre a mesa o pasado venres pola Xunta de Galicia —con urxencia para a súa sinatura— supón manter a axuda puntual por seis meses que xa existía. Como diferenza está un pequeno aumento das contías, proposto logo de longas negociacións entre a Xunta e a Deputación de Pontevedra, pero segue sen contemplar a realidade e as necesidades do Grove. Nos últimos anos a axuda realizada por entidades externas ao Servizo de Emerxencias establecíase en 75.000 euros, dos cales 41.000 eran achegados pola Deputación de Pontevedra e 34.000 pola Xunta de Galicia, contemplándose no convenio que o Concello do Grove debía poñer a contía restante ata os 125.000 euros que se calculaba que custaba o persoal de Emerxencias durante seis meses.

 

Debemos incidir en que, a día de hoxe, o Concello do Grove conta cun servizo permanente de Emerxencias que supón un custo anual de arredor de 400.000 euros, xa que non só se contemplan os salarios do persoal, senón todo o relativo a materiais e equipamentos do servizo. Deste xeito, a axuda recibida ata o de agora supoñía un 18% do custo total do Servizo de Emerxencias. Para o ano 2021 a Xunta incrementou a súa achega no convenio, de tal xeito que tanto o Goberno autonómico como a Deputación Provincial de Pontevedra proporcionarán 41.000 euros, incrementando a axuda final ao Grove a 82.000 euros. Isto implica que a axuda externa ao Servizo de Emerxencias do Grove pasa do 18% ao 20%, polo que segue a ser claramente insuficiente.

 

Por todo o anterior, o Concello do Grove reitera a súa demanda da creación dun GES para o Grove, onde se ten demostrado a necesidade deste servizo. A existencia do Convenio GES non só suporía contar cun maior financiamento para os servizos de emerxencias municipais, xa que estes son financiados nun 80% e incluso nun 90% do seu custos anual pola Xunta de Galicia. Pero ademais diso a configuración como GES permite o acceso a unha liña de axudas para materiais e equipamentos a que, a día de hoxe, o Servizo de Emerxencias non ten acceso. O Concello reiterará e manterá a súa demanda ata que se consiga unha resposta positiva que contemple a realidade do Grove.

Webcam en Directo

axenda

noticias adl

cursos

ofertas de
emprego

Formulario para
ofertar emprego

boletín ADL

Apúntate ao noso boletín

boletín OMIX

Apúntate ao noso boletín

avisos sms

síguenos en
logotipo consellería innovación e industria logotipo Ministerio Industria, turismo y comercio logotipo FEDER

2020. Concello do Grove, Praza do Corgo nº 1 | T. 986 73 09 75 | F. 986 73 13 58
aviso legal | créditos | rss
páxina accesible AA rss