galego | español
texto grande
buscar

Noticias

venres, 23 de outubro de 2020
"O CONCELLO DO GROVE DENUNCIA, UNHA VEZ MÁIS, A LAMENTABLE SITUACIÓN DO CENTRO DE SAÚDE"

 

A mala atención aos pacientes como resultado a ausencia de persoal segue a constituír un dos máis graves problemas da localidade.

 

O Concello do Grove reitera a súas queixas pola lamentable e caótica situación do centro de saúde do Grove. Dende o mes de xullo a ausencia de persoal médico fai inviable unha correcta atención dos pacientes. Ás protestas que tiveron lugar naquelas datas, cando O Grove chegou a quedar cun único médico para atender a toda a poboación, a Xerencia de Saúde fíxolles un “parche” puntual ata que a situación pareceu tranquilizarse, pero axiña volveron a percibirse os problemas graves que estaba sufrindo o centro. O pasado luns, dos sete médicos de adultos que deberían estar traballando estaban tan só tres; o martes novamente foron tres, e ademais un deles, polo réxime do seu traballo, só atende pacientes da súa cota, o que supón que houbo que repetir as seis cotas restantes entre dous facultativos.

 

Dende a Xunta de Galicia solicitóuselles á poboación e aos traballadores que as consultas se fixesen por vía telefónica, para evitar aglomeración de xente nos centros de saúde. Porén, esta medida foi adoptada sen reformar os medios técnicos nin humanos dispoñibles, o que se traduce en que os pacientes chaman durante horas e días sen conseguiren a cita que precisan. Só achegándose ao centro de forma presencial se están obtendo citas, inda que cunha demora que pode acadar os 15 días.

 

A veciñanza do Grove leva semanas manifestando a súas queixas por este grave problema xa que, entre outras cousas, os pacientes crónicos non conseguen seguimento da medicación, os agudos non conseguen consultas cos seus médicos e os dependentes e encamados non teñen posibilidade de seren avaliados no seu domicilio. Iso implica un total desmantelamento da sanidade e, en concreto, da medicina familiar e comunitaria no Grove. Todo isto implica que as xustificacións achegadas ata agora no relativo a “incidencias puntuais” non son válidas, xa que son anos vivindo unha continua precarización do servizo derivada da falta de persoal e dunha clara falta de previsión (as vacacións dos médicos son solicitadas con antelación, pode preverse cubrila).

 

O Concello do Grove denuncia a situación e a total incompetencia de Xerencia da EOXI de Pontevedra, que continúa mentindo sobre a situación e achegan desculpas incertas. Dende as xerencias, Consellería e Presidencia da Xunta de Galicia indican que “non teñen persoal”, o que supón un argumento falaz ao ser a súa competencia especifica a contratación dese persoal, confirmando o que levan facendo dende hai dez anos, cunha inexistente política sanitaria na que non hai intención de investir. O estado de ruína no que está deixando a Xunta de Galicia a atención primara galega búrlase dun dereito fundamental de todos e de todas, o da saúde.

 

Ante esta situación, o Concello do Grove informa de que se a próxima semana esta situación de falta de persoal non está resolta cun mínimo de seis médicos para a atención das persoas adultas (dos sete que conforman o persoal habitual), e non se comezan a reducir as esperas para obter unha consulta no noso centro cun máximo de dous días (tal e como foi requirido na moción aprobada por unanimidade no Pleno do Concello do Grove), comezaranse de novo as protestas, apelando neste caso á Consellería e á Xunta como responsables últimas do asunto.

Webcam en Directo

axenda

noticias adl

cursos

ofertas de
emprego

Formulario para
ofertar emprego

boletín ADL

Apúntate ao noso boletín

boletín OMIX

Apúntate ao noso boletín

avisos sms

síguenos en
logotipo consellería innovación e industria logotipo Ministerio Industria, turismo y comercio logotipo FEDER

2020. Concello do Grove, Praza do Corgo nº 1 | T. 986 73 09 75 | F. 986 73 13 58
aviso legal | créditos | rss
páxina accesible AA rss