galego | español
texto grande
buscar

Noticias

Economía e Facenda

xoves, 9 de xullo de 2020
"A XUNTA NON ACHEGA NIN O 30% DA AXUDA SOLICITADA POLO CONCELLO DO GROVE PARA FACERLLES FRONTE AOS REQUISITOS DESTINADOS A CONTROLAR A COVID-19"

 

Inda que a convocatoria inicial indicaba que as axudas poderían cubrir ata o 80% dos gastos, a resolución comunicada informa de que O Grove recibirá pouco máis de 30.000 euros.

 

A Xunta de Galicia convocou hai unhas semanas unha subvención destinada ao “mantemento dos gastos derivados do establecemento de normas e pautas organizativas, do mantemento e limpeza e da conservación e control ambiental das praias, derivadas da implantación das medidas extraordinarias por causa da pandemia da Covid-19”. O Concello do Grove foi informado de que se trataría dunha axuda que poderían sufragar ata o 80% destes gastos e que cumpría as condicións para solicitala como municipio turístico de referencia.

 

En consecuencia, o Concello do Grove tivo que elaborar en tempo récord unha memoria que recolle toda a información requirida e explica que, obviamente, este ano os gastos de mantemento das praias ­(xa elevados per se), se verían incrementados no relativo a persoal, limpeza e saneamento e información debido á crise sanitaria actual. Non podemos perder de vista que cada ano o municipio do Grove dedica máis de 600.000 euros ao mantemento das praias, facendo un notable esforzo por parte das arcas municipais para conservar en condicións óptimas uns espazos dos que non só desfruta a nosa veciñanza, senón que tamén supoñen un reclamo turístico do que se beneficia toda Galicia.

 

Segundo se informaba á Xunta de Galicia na documentación elaborada no caso do Grove “cóntase con máis de 40 praias, entre urbanas e rurais, e xeralmente dótanse de servizos de socorrismo, saneamento e limpeza as máis concorridas: A Lanzada, Raeiros, Area da Cruz, Seixeliños, Area Grande, Area de Reboredo e Area das Pipas. Esta temporada tamén se dispuxeron servizos de limpeza para outras, como Peralto, A Toxa (norte e sur), Rons, Lavaxeira, A Barcela, O Carreiro e as dúas praias caninas, O Espiño e O Portiño”. Debe terse en conta que unha das intencións fundamentais é conseguir que as persoas visitantes se distribúan entre máis areais para así dar máis opcións a manter a distancia social de seguridade e evitar aglomeracións.

 

Polo tanto, para contribuír a que todo funcione adecuadamente, o Concello estuda realizar un maior esforzo no relativo a persoal solicitando un incremento do efectivos nos servizos de limpeza e de socorrismo, que deberán facer un importante labor de información e de xestión das persoas nas praias. Só este incremento suporá un investimento de máis de 75.000 euros.

 

A isto cómpre engadir a necesidade de realizar un importante gasto en produtos de limpeza e desinfección específicos, cuxo custo supera os 17.000 euros, co propósito de cubrir todo o período de verán nos areais indicados. Tamén é preciso dispor de EPI adecuados, termómetros de contacto, máscaras e fundas axeitadas e incluso padiolas melloradas para atender posibles emerxencias, o que incrementa a conta en máis de 6.000 euros.

 

Dentro da axuda solicitada, e no referido a hixiene e saneamento, tamén se presentou o problema de incrementar os módulos de aseos (principalmente na praia da Lanzada) para evitar aglomeracións, cuxo alugamento roldaría os 18.000 euros, ao que se suma o do aumento das quendas de limpeza nestes espazos (agora mesmo son seis ao día, fronte ás dúas diarias das temporadas anteriores), o que supón un gasto doutros 18.000 euros.

 

Alén do anterior, tamén se indica a necesidade de aumentar o número de torres de vixilancia nos distintos areais (agás na praia da Lanzada, nos outros casos só se dispón dunha), importante non só para a seguridade da propia praia, senón para o cumprimento das medidas de distancia e o seguimento do movementos das persoas. Esta medida tería un custo de 30.000 euros.

 

En canto á seguridade da praia, esta ano é precisa a retirada definitiva de duchas e de lavapés, unha medida que non era urxente, pero que agora se converteu nunha necesidade. A isto engádese a corrección de todo o acoutamento de accesos ás praias e evitar problemas con pasamáns ou escaleiras que poidan xerar incidentes no fluxo de persoas, medidas que teñen un custo de 13.000 euros.

 

A todo o anterior engádense os correspondentes custos de maquinaria, sinalización e balizamento, como pode ser a instalación de equipos de altofalantes noutras praias (ademais da Lanzada) cun custo de 1.744, 82 euros ou o incremento de balizamentos de entrada e saída de praias a outros areais (case 12.000 euros). Finalmente, unha das partidas máis elevadas é a relativa á propia sinalización, que debe estenderse á totalidade das praias da localidade e non só ás máis frecuentadas, o que supón non só o deseño da cartelería, senón tamén a colocación dos correspondentes paneis, o que ascendería a máis de 95.000 euros, xa que se trata de carteis de exterior de alto custo para seren colocados en zonas de mar.

 

Por conseguinte, o total da axuda solicitada polo Concello do Grove elevábase a 233.310,86 euros, sendo conscientes de que dende a Xunta de Galicia só se lle faría fronte a un máximo do 80% deste custo. Porén, a comunicación recibida hoxe de xeito informal comunica que a Xunta achegará ao redor de 35.000 euros para lles facer fronte a todas as medidas indicadas, polo que semella que, unha vez máis, os fondos deberán saír dos orzamentos municipais. Isto supón un prexuizo para os veciños e as veciñas da localidade, que deben atender necesidades que non lles son precisas noutras localidades.

 

Dende o Concello do Grove considérase que se trata dunha medida electoralista por parte da Xunta de Galicia que, con toda seguridade, empregará as “axudas” aos concellos pola Covid-19 como outra das súas medidas estrela fronte aos votantes (de feito, esíxese que todas as actuacións levadas a cabo inclúan o patrocinio da Xunta de Galicia, independentemente da contía outorgada). O Concello do Grove segue preguntándose cal vai ser, entón, a finalidade dos fondos que o Goberno central lle transferiu á nosa comunidade autónoma, xa que, como o presidente da Xunta indicou, non van ser destinados á educación, e semella que tampouco á aplicación de medidas fronte ao coronavirus. Agárdanse explicacións claras sobre a distribución destas subvencións e que non se produzan, como parece previsible, discriminacións entre os distintos concellos.

 

 

 

Webcam en Directo

axenda

calendario
mes anterior agosto | 20 mes próximo
LMMXVSD
12
3456789
10111213141516
17181920212223
24252627282930
31

noticias adl

cursos

ofertas de
emprego

Formulario para
ofertar emprego

boletín ADL

Apúntate ao noso boletín

boletín OMIX

Apúntate ao noso boletín

avisos sms

síguenos en
logotipo consellería innovación e industria logotipo Ministerio Industria, turismo y comercio logotipo FEDER

2009. Concello do Grove, Praza do Corgo nº 1 | T. 986 73 09 75 | F. 986 73 13 58
aviso legal | créditos | rss
páxina accesible AA rss