galego | español
texto grande
buscar

Noticias

Cultura

martes, 10 de decembro de 2019
"A Casa da Cultura do Grove acollerá este venres a presentación do libro 'Atila no Grove. Crónica política e Memoria da masacre (1923-1948)' "
foto

Unha obra de Antón Mascato, publicada por Edicións Positivas.

Edicións Positivas presenta o venres día 13, na Casa da Cultura Manuel Lueiro, do Grove, ás 20 horas, a obra Atila no Grove. Crónica política e Memoria da masacre (1923-1948), da que é autor o editor grovense Antón Mascato. Na presentación participan José Antonio Cacabelos, alcalde do Grove; Cruz López, xestora editorial; o historiador Dionisio Pereira e o autor da obra.

Atila no Grove é a crónica política do período mais convulso da vila do Salnés. Un lugar no que se deron todas as tipoloxías do que aconteceu arredor de 1936: perseguidos, inmolados con nocturnidade e á luz do día, asasinados e sobreviventes do seu propio asasinato, sacas colectivas de mozos para seren paseados, requisas e roubos no patrimonio familiar, listas negras, consellos de guerra, detencións e encarceramentos, condenados a cadea perpetua, fusilamentos, resistencia armada e guerrilleiros no monte, presos en campos de concentración, torturas e malos tratos físicos, abusos sexuais, rapina en sede xudicial, fuxidas colectivas en barco, agochos no monte e no mar, redadas, motín militares, asasinatos en aplicación da inexistente Lei de fugas, desercións do exército sublevado, exiliados... toda a maldade posible tivo lugar no territorio da vila mariñeira do Grove. Vinte e cinco asasinados entre 1936 e 1939, cento cincuenta encarcerados, ducias de exiliados... un masacre.

En palabras do seu autor, Antón Mascato, Atila no Grove, é tamén unha historia política que comeza nos anos anteriores á ditadura de Primo de Rivera (1923-1930) e que chaga ata 1948, “porque se dan nese ano tres acontecementos moi graves cando semellaba que o pesadelo xa rematara: a detención, tortura e cárcere de trece veciños militantes do Partido Comunista; o asasinato de Enrique Ferreirós, guerrilleiro da partida de Manuel Ponte e o asasinato de Francisco García Moldes, o dirixente do Partido Galeguista, abatido dun disparo no café Bolero mentres lía un xornal. Tres episodios que puxeron fin ás ansias de normalización democrática das forzas políticas que aínda actuaban na clandestinidade”.

O papel da curia local, as prácticas violentas de someténs, cívicos e falanxistas, as arbitrariedades de gardas e militares, a espiral de violencia que se foi apoderando da vida pública, a denuncia das maneiras violentas que empregaron os perpetradores complétase nesta obra coa relación das trescentas vítimas directas e os feitos polos que foron violentadas e a referencia dos seus verdugos.

Atila no Grove. Crónica política e Memoria da masacre (1923-1948) é un traballo inxente, denso e documentado, que refire un período da historia marcado pola violencia utilizada como arma de depuración política, unha obra que sen dúbida non vai deixar indiferente a quen se achegue a ela.

Antón Mascato naceu no Grove. Estudou Filoloxía galego-portuguesa, desenvolvendo toda a súa vida laboral no mundo da edición, sendo director de Edicións do Cumio e da corporación Novagalicia. Ocupou varios cargos de representación profesional, sendo secretario da Asociación Galega de Editores e directivo do Gremio de Editores de España. Colaborador de prensa sobre temáticas culturais e históricas. Foi concelleiro no Grove, adscrito ao BNG, nos períodos de 1982-1986 e de 2007-2011; sendo concelleiro de Cultura. Foi tamén presidente da Asociación pola Memoria Histórica do Grove e membro do Arquivo Sonoro do Consello da Cultura Galega.

Ten publicas varias obras, entre as que destacan Paco del Riego. Unha historia da restauración cultural de Galicia; A ruta do mar de Arousa, editada en varios idiomas, pola que o concello do Grove lle concedeu a Centola de Ouro no ano 2005; As colareiras do Grove, en colaboración con Patricia Arias; As nosas chatas. Dicionario dos alcumes do Grove, tamén en coautoría; Xosé Conde Corbal. Obra Gráfica, que mereceu o recoñecemento de mellor libro editado no ano 2012 da Asociación Galega de Editores; ou, recentemente, Anduriña. Cen anos de paixón.

Ao Grove tenlle dedicado os seus mellores esforzos como documentalista e investigador, sendo responsable do sitio web As historias das comparsas, ou o Censo do Patrimonio marítimo construído.

Despois de vinte e cinco anos de traballos de investigación en arquivos militares e xudiciais, hemerotecas, entrevistas persoais, expedientes de prisión e outras fontes de difícil acceso publica Atila no Grove. Crónica política e Memoria da Masacre (1923-1948), onde se recollen arredor de trescentas persoas que no Grove padeceron as represalias da sublevación militar de 1936.

 
Galería:
 
Webcam en Directo

axenda

calendario
mes anterior agosto | 20 mes próximo
LMMXVSD
12
3456789
10111213141516
17181920212223
24252627282930
31

noticias

perfil do
contratante

portal de
turismo

boletín ADL

Apúntate ao noso boletín

boletín OMIX

Apúntate ao noso boletín

avisos sms

síguenos en
logotipo consellería innovación e industria logotipo Ministerio Industria, turismo y comercio logotipo FEDER

2009. Concello do Grove, Praza do Corgo nº 1 | T. 986 73 09 75 | F. 986 73 13 58
aviso legal | créditos | rss
páxina accesible AA rss