O xurado nomeado polo Concello do Grove para o Concurso de Pintura Ernesto Goday xuntouse na tarde do martes 3 de decembro para ditaminar a obra gañadora desta VII edición.
Despois de deliberar durante moito tempo, o xurado, composto por Rosa Villaronga Goday, José Ángel Rodríguez López, Sebas Anxo Rozas Álvarez e Alma Rodríguez Domínguez, decidiu declarar gañadora da presente edición a obra de título “Áncora”, un óleo de 116 x 81 cm do pontevedrés Jorge Garrido Hernández.
Unha vez máis, a gran calidade das obras presentadas complicou considerablemente o labor do xurado, que decidiu que, pola súa calidade, merecían unha mención especial as obras finalistas:
- “La lonja y sus gentes”, de José Pedro Izquierdo Pérez, de Tudela- Navarra
- “Bágoas de pedra”, de Aida Donoso, de Vigo
- “Un día en O Grove”, de Eduardo Manuel Gea Martínez, de Jumilla-Murcia
Nesta edición acadouse un grande éxito de participación e repercusión a nivel nacional e internacional. Presentáronse 56 obras procedentes de diferentes lugares da xeografía española, pero tamén varias de países como México, Colombia ou Bulgaria.
Das 56 obras presentadas, o xurado preseleccionou 16, que formarán parte do catálogo e exposición desta VII edición.
As salas das Cunchas e das Dornas da Casa do Concello do Grove acollerán a mostra desde o mércores 4 de decembro ata o 10 de xaneiro de 2020. Así mesmo, o acto de entrega do premio terá lugar o domingo 15 de decembro, ás 12.00 h, na Sala das Cunchas da Casa do Concello.