galego | español
texto grande
buscar

Noticias

Cultura

venres, 22 de outubro de 2010
"As obras de recuperación da Salga de Goday, no CIPES, chegan ao seu remate"

Con cargo aos fondos dos Plan E, primeira e segunda fase, en senllas partidas de aproximadamente 140 e 115 mil euros, o Concello do Grove acometeu as obras de recuperación da antiga fábrica de salgado de peixe que a familia de Manuel Goday montou en Moreiras, nas décadas finais do século XVIII. Esta recuperación dota a factoría dunha completa cuberta de dúas augas en todo o seu perímetro, formada por trabes de carballo e piares de cantería, que consolida as pías, prensas e outros elementos propios da actividade da salga de peixe; ademais de recuperar os antigos almacén e lareira que formaban parte da salgadeira.

 

Manuel Goday Roula (1755-1841) foi un fomentador catalán asentado na ría de Arousa que tivo unha intensa dedicación á pesca, conserva, envasado e venda de produtos derivados do mar. O seu fillo, Josep Goday Llauguer (1808-1865), casou no Grove con Vitoria Deira Prol (1826-1897),  e sería o continuador, xunto coa súa muller, do negocio familiar que ampliaron con novas explotacións no Porto de Meloxo e Lordelo. Desta parella, que chegou a ter 12 fillos en 18 anos, son membros os Goday Deira, os Otero Goday, Otero Barral, Barral Iglesias, Benavides Goday, Bargés Benavides, Barral Figueiro, Sabell Goday, e tantas outras que serán convidas a participar no acto que se celebrará o día 13 de novembro, sábado, para recordar estas sagas familiares, e no que participarán os especialistas en historia Dionisio Pereira, Luís Rei, e Xoán Dopico, ademais do concelleiro de Cultura do Concello do Grove, e no que se referirán ao proceso da conserva, á guerra da sardiña, ao patrimonio marítimo local e aos máis destacados personaxes que forman parte desta ampla familia de que son parte, entre outros, don Jacobo Otero Goday, o pintor Ernesto Goday, o ex alcalde Xacobo Barral, o cóengo Alejandro Barral Iglesias, o cardiólogo Francisco Sabell, ou o mestre Xosé A. Barral Figueiro, por citar só algúns.   

 

Traer esas figuras ao presente, actualizadas ao coñecemento das veciñanza e visualizalas como pioneiras e protagonistas da nosa historia para que non sexan unha placa máis dos nomes de rúas da vila é a intencionalidade de recuperar a memoria destes personaxes aos que se sumarán outros nos que tamén se empezou a traballar como o Luís Mestre Roig,  ou o seu fillo, o escritor, Luís Antonio Mestre Hernández.

 

Esta recuperación foi coordinada desde o goberno local polo concelleiro de Patrimonio Histórico, Antón Mascato, quen expresou “a enorme satisfacción que nos produce ver rematada esta importantísima infraestrutura cultural, turística e didáctica, que forma parte do CIPES, ao que completa, dá todo o sentido e que, en conxunto, representa a máis importante instalación viva do patrimonio etnográfico-marítimo de Galicia”. O responsable municipal quixo agradecer nesta fin de obra a colaboración de todos os implicados neste proxecto, desde o alcalde e os seus compañeiros e compañeiras de goberno, por confiarlle esta recuperación, ata a empresa adxudicataria desta, os técnicos e traballadores que alí interviñeron e, moi especialmente, ás facilidades dadas polos veciños de Reboredo e San Vicente, que desde a Comunidade de Montes facilitaron que esta obra fose posible. Mención especial para os comunieiros e a súa directiva e presidente, que desde o principio entenderon que o investimento que se ía facer en Moreiras era unha obra estratéxica no Plan director da restauración do patrimonio marítimo do litoral grovense.

Webcam en Directo

axenda

noticias

Rede de
bibliotecas

perfil do
contratante

portal de
turismo

boletín ADL

Apúntate ao noso boletín

boletín OMIX

Apúntate ao noso boletín

avisos sms

síguenos en
logotipo consellería innovación e industria logotipo Ministerio Industria, turismo y comercio logotipo FEDER

2009. Concello do Grove, Praza do Corgo nº 1 | T. 986 73 09 75 | F. 986 73 13 58
aviso legal | créditos | rss
páxina accesible AA rss